jueves, 24 de octubre de 2013

UNHA GRATA EXPERIENCIA

Esta semana tivemos a sorte de volver visitar o AMFIV, club vigués de baloncesto en cadeira de rodas. O club leva máis de trinta favorecendo a total integración e a igualdade social mediante a práctica deportiva.
O encontro tivo lugar no pavillón de Bouzas, onde o gran nivel de complicidade entre alumnos e xogadores e o bo ambiente que se respirou foron salientables.
Á nosa chegada, recibíronnos os propios xogadores e o relacións públicas do club, Nacho, a quen lle agradecemos a súa simpatía e amabilidade. Deseguido, pasamos á quenda de presentacións, onde os xogadores nos falaron da súa historia persoal, a discapacidade que posuían e a súa traxectoria deportiva. Cómpre destacar que entre os xogadores había participantes en campionatos europeos, mundiais e paraolimpíadas.
Coñecemos e repasamos os aspectos regulamentarios máis salientables do baloncesto en cadeira de rodas dun modo teórico-práctico: cando os xogadores fixeron un 4x4, todo parecía moi sinxelo, xa que os movementos realizábanse á máxima velocidade e con total coordinación. Tocoulles a quenda ós rapaces: as cadeiras nas que se desprazaban eran dun material altamente tecnolóxico, cun custo aproximado de entre 1.500 e 6.000 euros, e manexalas fíxose unha tarefa complexa. Pero quedaba o máis difícil: engadir o balón e coordinar todos os elementos. Aínda así, houbo casos nos que o manexo dalgúns alumnos foi notable, e incluso os profesores do colexio participaron e gozaron da actividade. 
Consideramos que esta actividade ten un gran interese dende o punto de vista formativo. Así mesmo, ter a posibilidade de compartir unha xornada con estes xogadores, que son un exemplo de superación e amor polo deporte, non ten prezo.
No seguinte enlace atoparás as fotos da excursión: 

1 comentario:

  1. Gracias por crear puentes y ayudar al conocimiento de diferentes capacidades.

    ResponderEliminar